Monday 13 de May de 2024

A Xunta mellora a eficiencia do alumeado público na Pobra do Caramiñal, con cargo ao fondo de compensación ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o alcalde da localidade, Xosé Lois Piñeiro, asinaron as actas de recepción das obras

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asinou xunto ao alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O acto tivo lugar na Delegación Territorial, na Coruña.
En total, investíronse 69.350,20 euros no proxecto de eficiencia enerxética da rede de luz pública de San Lázaro. As subvencións do Fondo de Compensación Ambiental correspóndelles aos concellos que teñen o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou están afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación.
No caso da Pobra do Caramiñal, o municipio alberga 48 aeroxeneradores e máis de 3,6 quilómetros de liñas. Estas axudas, concedidas a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. En concreto, na Pobra do Caramiñal a intervención consistiu na colocación de18 columnas coas súas correspondentes luminarias, 31 brazos dun metro con luminaria led e un cadro de mandos e protección.